Recomendacións

Eu recomendo…

VICVS, de Beto Luaces

-Dosi, libreiro da icónica libraría redondelana «La Imprenta»-
-Dositeo, libreiro da insigne libraría de Redondela "La Imprenta"-
O noso libreiro convidado, Dositeo, na libraría «La imprenta» na que naceron moitos leitores de Redondela

A lectura desta obra ofrece ao lector diferentes perspectivas que o escritor soubo mesturar sen perder un ápice de interese e tensión ao longo da obra.  


Por unha parte, na novela, atopámonos cunha serie de lugares totalmente diferentes entre si pero que, porén, foron perfectamente interconectados. A medida que avancemos nas súas páxinas poderemos viaxar por Redondela, Vigo, a Serra do Suído ou Venezuela, algo que provocará que cando percorramos as rúas ou camiños dos diferentes municipios ou lugares que integran a novela, nos paremos cada poucos pasos a localizar, contemplar e comprender a historia dos diferentes edificios ou construcións que aparecen na trama e desta maneira poidamos sentir de igual xeito que o fixeron os personaxes da obra.  

Por outra banda, e xa que estamos ante unha novela negra, Beto Luaces logrou manter a tensión e as dúbidas até a última páxina, regando os capítulos con diferentes “trampas” e inesperados xiros de guión, que obrigarán o lector a mudar a súa visión en máis dunha ocasión, logrando sorprendernos ante o inesperado.  

Estes son unha pequena parte dos motivos polos que recomendo Vicus. Un lugar do común, o primeiro libro da saga. O seu segundo libro Vicus. Un lugar do aquelado, que acaba de presentarse hai poucos meses, segue mantendo a esencia do primeiro, pero deste falaremos noutra ocasión.


Beto Luaces

Montevideo, 1969

En 1978, os seus pais, emigrantes galegos, acordan regresar a Galicia e el vai con eles, pasando de vivir na capital charrúa a unha aldea da serra do Suído. O impacto é inevitable e en troques de afectalo, queda marabillado coa descuberta das xentes da serra e das súas tradicións. Todo é novo e máxico. A familia non demora en se instalar na cidade de Vigo, aínda que a dúa conexión co Suído consolídase na súa adolescencia e xa non hai quen a derrame. Logo, reside en Santiago de Compostela para cursar os estudos de Filoloxía Galega e Portuguesa. Sen embargo, non remata a carreira e acorda que a súa vida laboral discorra polos vieiros da Administración de Xustiza en Vigo, alí traballa como funcionario e reside na actualidade.

VICVS

Un lugar do común, a primeira entrega (o quilómetro cero) da serie de novela negra titulada Vicvs, que a editorial Bolanda publica en 2017. A devandita serie ten como característica principal que desenvolve a súa trama entre a cidade de Vigo e a serra do Suído. Esa primeira entrega non demora en engaiolar aos lectores e o boca a boca fai del un libro de éxito, mesmo chega a ser o libro máis prestado na biblioteca central de Vigo (Juan Compañel) no ano 2018, o que propicia que a editorial publique, no mes de xuño de 2019, a segunda edición.

No mes de marzo de 2019, a editorial Bolanda acorda publicar Un lugar aquelado, a segunda entrega de Vicvs. A serie de novela negra consolídase e os lectores están a reclamar a terceira entrega. Novamente, a cidade de Vigo e a serra do Suído e, se no primeiro libro o protagonista era Senén Barreiro,un arquitecto vigués, agora, o protagonista pasa a ser Manuel Peixoto, un detective privado vigués, que xa vai protagonizar toda a serie.

A saga Vicvs pasa a formar parte da nómina de novelas negras que desenvolven a súa trama na cidade de Vigo. Ultimamente… xurdiu con moita forza unha cuestión: existe a Novela Negra Viguesa? Varios son os autores que poden estar dentro desa cataegoría: Domingo Villar, Manuel Esteban,Alicia Borrás, Elena Gallego Abad, Daniel Cid, Ferando J. Alvarez Pereira, Francisco Castro, Ledicia Costas e… Beto Luaces. O tempo ha dicir se esa corrente litararia se consolida.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *